Wednesday 15 de May de 2024

Cada Galego depositou en 2020 case dous quilos máis de residuos nos contenedores amarelo e azul


Ángeles Vázquez salienta o esforzo realizado polos galegos, que malia o contexto social marcado pola pandemia foron capaces de reciclar unha media de 14,6 kg de envases lixeiros e 15 kg de papel-cartón

Salienta que esta implicación é mais doada grazas á rede organizada por Ecoembes, que o ano pasado incrementou a súa infraestrutura en preto de 1.300 novos contedores, para un total de 36.500 amarelos e case 15.000 azuis na Comunidade

“Grazas e parabéns a todos os galegos, porque coa súa implicación Galicia pode presumir dunha moi boa calidade das augas e do aire”, afirma a conselleira

Cada cidadán galego depositou durante 2020 nos contedores amarelo e azul case 2 quilos máis de residuos que no exercicio anterior, un dato que consolida a tendencia ascendente dos últimos anos das taxas de reciclaxe na Comunidade.

Esta foi a principal conclusión do balance que realizou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para dar a coñecer os últimos datos de recollida selectiva dispoñibles, acompañada do representante de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano.

En concreto, explicou que cada galego reciclou unha media de 14,6 kg de envases domésticos de plástico, metal e brik –residuos que se depositan no contedor amarelo e 15 kg de papel e cartón a través dos contedores de cor azul .

Con respecto aos chamados envases lixeiros, a conselleira subliñou o incremento notable dun 13,4% con respecto ao ano anterior, un total de 1,6 kg máis, e engadiu que tendo en conta os últimos cinco anos a cantidade depositada nos contedores amarelos se incrementou nun 42%, un reflexo do crecente compromiso cidadán coa reciclaxe deste tipo de refugallos.

Tamén ofreceu datos sobre a implicación cidadá coa reciclaxe a través do contedor azul, un esforzo que se traduciu en que cada galego depositou o ano pasado un 1,2% máis de papel e cartón que o exercicio anterior, que se traduce nun aumento de 0,1 kg.

Ángeles Vázquez indicou que aínda que o incremento do ano pasado pode parecer máis modesto, mantense a tendencia á alza detectada desde 2016, cun incremento das taxas de reciclaxe deste tipo de refugallos do 13% nos últimos cinco anos.

En total, a Comunidade reciclou 71.130 toneladas de envases domésticos procedentes dos contedores amarelos e do contedor azul (papel e cartón) que foron enviadas a instalacións recicladoras homologadas.

Á vista destes resultados, a conselleira aproveitou para dar as grazas e os parabéns á sociedade galega, pois o seu compromiso, a súa colaboración, con estas pequenas grandes accións de reciclaxe “permiten presumir dunha Galicia con moi boa calidade das augas e do aire” e, sobre todo, melloran a capacidade de Galicia para frear un problema global, como é o cambio climático.

En todo caso, tanto a conselleira como o representante de Ecoembes coincidiron na necesidade de manter as accións de información e sensibilización para afinar a separación que fan os cidadáns nos seus fogares, pois subliñaron que a pesar de que os galegos “reciclan cada vez máis e mellor”, aínda se detecta unha cantidade de residuos impropios dentro dos contedores amarelos.

Bruno de Llano subliñou que o compromiso da sociedade galega coa reciclaxe de envases domésticos se reforzou, converténdose no hábito ambiental mais estendido entre os fogares, e engadiu que durante o pasado ano se firmaron 186 acordos con distintos concellos para concienciar e acercar a reciclaxe aos cidadáns, co obxectivo de converter a Galicia nunha sociedade 100% recicladora.

Aumento da reciclaxe malia a covid
Tras expoñer as principais cifras da reciclaxe de envases en Galicia durante o ano pasado, a conselleira de Medio Ambiente salientou que este incremento é importante por varias razóns. A primeira, porque son unha mostra da conciencia social dos galegos co medio ambiente e, sobre todo, porque a pandemia da covid-19 non minguou a capacidade nin o compromiso dos cidadáns.

Segundo manifestou a conselleira, este esforzo dos galegos coa reciclaxe de envases e papel-cartón é mais doado grazas á rede de puntos de reciclaxe organizada por Ecoembes, que no ano 2020 incrementou a devandita infraestrutura en 1.238 novos contedores (898 amarelos e 340 azuis), polo que na actualidade están habilitados máis de 36.500 contedores amarelos e case 15.000 azuis; aos que ademais se suman os máis de 2.000 puntos de recollida selectiva situados en lugares para eventos de maior influencia, como oficinas ou instalacións deportivas e culturais.

Así mesmo, ambos salientaron o esforzo realizado no ano 2020 a través da canle Horeca —hostalería, restauración e cáterin—, onde máis de 1.800 locais galegos se sumaron á recollida de envases nas súas instalacións.

Por último, a conselleira aproveitou a súa presenza no Monte do Gozo para lembrar que Galicia ten “grandes esperanzas” postas no Xacobeo 2021-2022, durante o que recibirá un número importante de visitantes a través do Camiño de Santiago, motivo polo que apelou ao turismo responsable e á “conciencia cidadá” de todos os peregrinos co fin de manter limpas as distintas rutas.

Neste sentido, avanzou que nos próximos días e de cara á tempada estival, porase en marcha a campaña Camiño da Reciclaxe, na que colaboran a Xunta de Galicia e Ecoembes co obxectivo de sensibilizar sobre a conservación da contorna ás persoas que decidan realizar esta ruta durante o Xacobeo.